mércores, 25 de marzo de 2020

Debuxamos paso a paso con Leandro Lamas


Esta semana estáseme pasando voando, xa é mércores! É que non hai mellor cousa que estar activo e entretido, aínda que sexa na casa!

Hoxe tráiovos unha proposta do pintor Leandro Lamas. Eu son unha gran admiradora súa, paréceme incríble o selo de identidade que ten, como fai que sexas  capaz de recoñecer sen ningunha dúbida calquera das súas obras, sexa un cadro, un mural, un libro ilustrado ou un bolso de Cabuxa! Anímovos a que investiguedes un pouquiño sobre quen é Leandro Lamas, sorprenderavos todo o que fai!

Na súa páxina de facebook, está axudando a que pasemos máis entretidos estes días e achegarnos á súa arte colgando como facer un debuxo del paso a paso. A min pareceume unha idea fabulosa para que fora o traballo de plástica para estes días de varios cursos do cole. Así que entre un compañeiro e eu eu démoslle forma a ver como podiamos achegalo aos nenos e nenas, e teñen ata o venres para facelo! De seguro que o van facer xenial!

Así que non hai escusa dicindo que non sabes debuxar!! Asegúrovos que eu son unha debuxante pésima, e non saiu tan mal, non?  Deixade voar a vosa imaxinación e engadídelle os detalles que queirades!! E unha última cousa, no cadrado que hai apoiado no sofá deberedes poñer a portada dun disco que vos guste...adivináchedes a miña??

Ánimo artistas! 


Leando Lamas Paso a Paso

martes, 24 de marzo de 2020

Películas en Familia


Ola de novo!!! Seguindo as recomendacións de Una Pizca de Educación no seu instagram, o cal vos recomendo visitar!! Hoxe veño con suxerencias de cine para ver en familia nestes días. Xa que con algo hai que matar o tempo, que mellor que facelo desfrutando dunha sesión de cine!!

O meu consello é que lles anticipedes a información aos vosos fillos e fillas, que creedes expectativas, coma se dun día especial se tratase.

Primeiro poñede unha hora e un día, que poidades. Logo buscade a película para tela preparada, e cando chegue o día:

Facede palomitas, ordeade o salón e poñedevos cómodos no sofá para desfrutar dun rato en familia.

Hai moitísimas pelis das que podedes desfrutar, entre outras, podedes elixir estas!


luns, 23 de marzo de 2020

Aprender ONLINE


Hoxe comezouse a emitir na TVG2 en horario de 11 a 13 h un bloque de programas de contidos educativos, que vos recomendo que vexades! Son sobre ciencia e historia, na súa maioría, e ten moi boa pinta!

Comezou tamén a emitir na TVE un programa de Contidos educativos, en CLAN, o programa chámase "Aprendemos en Casa". Polo que estiven lendo, non está moi contextualizado co currículo que nosoutros manexamos, pero bueno, podédeslle botar un ollo, que nunca está de máis. Na súa páxina web, unprofesor.com hai actividades para facer

Na TVE DÚAS, están tamén emitindo o programa UNICOOS, que na miña opinión, está xenial, aínda que hai quizás máis contidos para a ESO que para Primaria! Déixovos un enlace á canle de Youtube do profesor.



A seguir aprendendo na casa!!

Pensamento de hoxe: "Xa queda un día menos para vernos"


venres, 20 de marzo de 2020

#EuQuedoNaCasa


Experimentos divertidos!


Bo día a tod@s!! Hoxe tráigovos unha proposta de Ciencia divertida. Xa que en Ciencias da Natureza estamos estudando a materia e as súas propiedades, pareceume unha idea fantástica para que practiquedes estes días.

Non tedes que facelos todos, nin teredes que mercar nada para facelos. Buscade aqueles que se adapten ás cousas que teñades na casa. Hai experimentos para todos os cursos de Primaria, así que vos animo, se tedes irmáns pequenos, a facelo con eles; e se os tedes maiores que vos axuden!!!

Agardo que o pasedes ben!!

Experimentos 1

Experimentos 2

Experimentos 3


Experimentos 4




Vémonos prontiño :)

mércores, 18 de marzo de 2020

Xogamos unha partida de xadrez?


Cando eu estaba en 5º de Primaria, o meu tío ensinoume a xogar ao xadrez, é unha das mellores cousas que puido facer por min!

Lembro que nos recreos, había organizados torneos de xadrez na entrada do cole, onde hoxe temos os sillóns e o recuncho da Biblioteca. Eran rondas eliminatorias, xogabas con moitos compañeiros e compañeiras doutras clases e pasábamolo en grande. Recordo que unha vez cheguei á final cun compañeiro e quedamos en táboas, xa que foi imposible rematar esa partida despois de varios recreos xogando!


Anímovos a que desfrutedes deste deporte cos vosos fillos e fillas, déixovos un artigo con consellos para ensinarlles AQUÍ un artigo de Mundo Primaria que me pareceu moi interesante.

Nesta WEB podedes atopar tamén trucos moi interesantes e aprender online gratis durante 14 días!

martes, 17 de marzo de 2020

Feliz San Patricio a tod@s!


Hoxe, 17 de marzo é un día moi especial para todas as culturas celtas. Hai cinco anos, estabamos en Nova Iorque tocando no desfile de San Patricio, o máis grande do mundo... Hoxe as cousas son ben diferentes, pero non por iso imos deixar de pasalo ben!

É un día de festa, de música, de baile... e así o podemos facer nas nosas casas, aquí vos deixo unha pequena coreografía que inventei para que practiquedes o Irish Cofee de Gwendal!!



      Organización no espazo: dúas filas en parellas

Parte 1: cada fila desprazarase á súa dereita empregando a seguinte secuencia de  pasos:
Tacón, punta, tacón, punta (no sitio)
3 pasos laterais cara a súa dereita e un tempo de silencio
Tacón, punta, tacón, punta (no sitio)
3 pasos laterais cara a súa esquerda (volvendo á posición inicial) e un tempo de silencio (x2)

       Parte 2: cada parella enfrontada únese enganchando un brazo e cambiándose de sitio. Isto repítese co brazo contrario (repítese 4 veces)


Toda esta secuencia repetirase adaptándose á velocidade que se irá incrementando pouco a pouco.


Podes buscar información sobre cales son as Nacións Celtas, como se celebra o San Patricio en diferentes cidades, porque é tan famoso o San Patrick's Day en Nova Iorque...

Vémonos pronto!! Feliz San Patricio a tod@s!!






luns, 16 de marzo de 2020

Aprendemos Xogando!


Entra en edu.cerebriti.com co teu usuario e contrasinal para aprender xogando!!

Cada día vos recomendarei unha serie de xogos das distintas áreas para ver do que sodes capaces!

Por cada xogo superado gañades Neuros (Neurona+Euro) A ver cantos eres capaz de conseguir?


Anímate a superarte e mellorar cada día do xeito máis divertido!

Retomamos!!

Debido a estas circunstancias especiais nas que nos atopamos, polo Estado de Alarma consecuencia do COVID-19, e o illamento que isto provoca, recuperei o Blogue que o tiña abandonado desde hai uns aniños....

Será unha ponte de comunicación, onde irei colgando recursos complementarios para non nos aburrir e seguir continuando no proceso de ensino-aprendizaxe dos vosos fillos e fillas!

Seguiremos informando!!!